Primeiro facemos unha proba de nivel, totalmente gratuíta e sen ningún tipo de compromiso, para poder ampliar a información ao alumnado e determinar o grupo no que avanzaría máis rápido. Consiste simplemente nunha entrevista persoal, nunha proba léxico-gramatical, e nunha proba de expresión escrita. Logo, segundo o resultado, da súa dispoñibilidade horaria e dos seus obxectivos, propoñemos os grupos que mellor se adapten ao alumnado.
Os cursos habituais son de dúas horas á semana, pero, se o profesorado o considera necesario, pode recomendar asistir a máis horas de clase en grupo ou combinar o curso con horas individuais coa finalidade de acadar os obxectivos con total seguridade. Os grupos teñen un máximo de 5 alumnos por clase. É a única maneira de que todos os alumnos do grupo participen e interactúen para aproveitar as clases.
Todo o material necesario é entregado ben por correo electrónico antes da clase ou ben ao principio da clase. O alumnado está no centro da aprendizaxe e inmerso en situacións reais nas que poderá aplicar todo o visto na aula. Con este modelo didáctico preténdese capacitar ao estudante para unha comunicación real –oral e escrita- con outros falantes do idioma. Para iso empréganse a miúdo textos, audios e materiais auténticos e realízanse actividades que procuran imitar a realidade.
Sabemos que os exames son importantes pero non queremos que as clases se enfoquen unicamente cara a preparación das probas. Consideramos que é máis importante aprender realmente o idioma para logo superar os exames con éxito. Por iso, para completar o curso xeral, ofrecémosvos vir ao centro dúas horas á semana para a preparación exclusiva a exames, previo aviso ao profesorado. Esas horas adicionais son totalmente gratuítas.
Existen grupos de todos os niveis de A1 a C2 en horario de mañá e de tarde. Para máis información, contacta connosco.
CILS é un título outorgado pola Universidade de Siena que certifica o nivel de competencia lingüístico-comunicativa en italiano como lingua estranxeira, despois dun examen baseado nun test sobre as habilidades comunicativas.
Os exames da EOI son uns exames esixentes e que requiren unha rigorosa preparación. Constan de catro partes: comprensión escrita, comprensión oral, produción escrita e produción oral. Examinan dende o nivel A2 ata o C1. Existe a posibilidade de presentarse como candidato libre (única convocatoria en xuño) ou como alumno da EOI (convocatoria de xuño e posible recuperación en setembro).
Son os únicos exames que dan puntos para as oposicións ao corpo de profesorado de primaria e de secundaria en case todas as convocatorias.
Preparamos os alumnos que se presentan como candidatos libres ou como reforzo ás clases da EOI ordinarias.
As probas do B1 do CLM divídense en dúas partes: B1-A (que permite acceder ao programa ERASMUS) e B1-B. O feito de superar ambas partes permite acreditar o nivel B1 para a obtención do título académico, así como o acceso a determinados Másteres; pero non ten validez fóra do eido universitario. (O alumnado que teña realizado unha estadía ERASMUS nun país de fala italiana non terá que presentarse ao B1-B de italiano para acreditar o nivel B1).
A parte B1-A consiste nunha proba de comprensión escrita, de comprensión oral, e nun test de gramática e de vocabulario.
Se o alumno aproba esta parte, ten dereito a presentarse á proba B1-B.
A parte B1-B é unha proba de interacción oral e de produción escrita.
O calendario de matrículas e datas de exame estará proximamente dispoñible nos taboleiros de anuncios nas instalacións do centro.