Clases individuais ou en grupo. Preparación de exames oficiais da Escola Oficial de Idiomas e Celga.
Primeiro facemos unha proba de nivel, totalmente gratuíta e sen ningún tipo de compromiso, para poder ampliar a información ao alumnado e determinar o grupo no que avanzaría máis rápido. Consiste simplemente nunha entrevista persoal, nunha proba léxico-gramatical, e nunha proba de expresión escrita. Logo, segundo o resultado, da súa dispoñibilidade horaria e dos seus obxectivos, propoñemos os grupos que mellor se adapten ao alumno.
Os cursos habituais son de dúas horas á semana, pero, se o profesor o considera necesario, pode recomendar asistir a máis horas de clase en grupo ou combinar o curso con horas individuais coa finalidade de acadar os obxectivos con total seguridade. Os grupos teñen un máximo de 5 alumnos por clase. É a única maneira de que todos os alumnos do grupo participen e interactúen para aproveitar as clases.
Todo o material necesario é entregado ben por correo electrónico antes da clase ou ben ao principio da clase. O alumnado está no centro da aprendizaxe e inmerso en situacións reais nas que poderá aplicar todo o visto na aula. Con este modelo didáctico preténdese capacitar ao estudante para unha comunicación real –oral e escrita- con outros falantes do idioma. Para iso empréganse a miúdo textos, audios e materiais auténticos e realízanse actividades que procuran imitar a realidade.
Sabemos que os exames son importantes pero non queremos que as clases se enfoquen unicamente cara á preparación das probas. Consideramos que é máis importante aprender realmente o idioma para logo superar os exames con éxito. Por iso, para completar o curso xeral, ofrecémosvos vir ao centro dúas horas á semana para a preparación exclusiva a exames, previo aviso á profesora. Esas horas adicionais son totalmente gratuítas.
Existen grupos de todos os niveis de A1 a C2 en horario de mañá e de tarde. Para máis información, contacta connosco.
Os exames da EOI son uns exames esixentes e que requiren unha rigorosa preparación. Constan de catro partes: comprensión escrita, comprensión oral, produción escrita e produción oral. Examinan dende o nivel A2 ata o C1. Existe a posibilidade de presentarse como candidato libre (única convocatoria en xuño) ou como alumno da EOI (convocatoria de xuño e posible recuperación en setembro).
Son os únicos exames que dan puntos para as oposicións ao corpo de profesorado de primaria e de secundaria en case todas as convocatorias.
Preparamos os alumnos que se presentan como candidatos libres ou como reforzo ás clases da EOI ordinarias.
Para poder acceder a numerosos postos de traballo, bolsas de emprego ou oposicións, cómpre demostrar algún título do Celga, especialmente o Celga 4 (equivalente a un nivel C1). O Celga é o sistema de certificación da lingua galega adaptada ao Marco Europeo Común de Referencia.
Os certificados obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén se pode obter a validación do Celga dos estudos previos de galego (convalídase o CELGA 4 se se ten cursado Segundo de Bacharelato en Galicia).