Primeiro facemos unha proba de nivel, totalmente gratuíta e sen ningún tipo de compromiso, para poder ampliar a información ao alumnado e determinar o grupo no que avanzaría máis rápido. Consiste simplemente nunha entrevista persoal, nunha proba léxico-gramatical, e nunha proba de expresión escrita. Logo, segundo o resultado, da súa dispoñibilidade horaria e dos seus obxectivos, propoñemos os grupos que mellor se adapten ao alumnado.
Os cursos habituais son de dúas horas á semana, pero, se o profesorado o considera necesario, pode recomendar asistir a máis horas de clase en grupo ou combinar o curso con horas individuais coa finalidade de acadar os obxectivos con total seguridade. Os grupos teñen un máximo de 5 alumnos por clase. É a única maneira de que todos os alumnos do grupo participen e interactúen para aproveitar as clases.
Todo o material necesario é entregado ben por correo electrónico antes da clase ou ben ao principio da clase. O alumnado está no centro da aprendizaxe e inmerso en situacións reais nas que poderá aplicar todo o visto na aula. Con este modelo didáctico preténdese capacitar ao estudante para unha comunicación real –oral e escrita- con outros falantes do idioma. Para iso empréganse a miúdo textos, audios e materiais auténticos e realízanse actividades que procuran imitar a realidade.
Sabemos que os exames son importantes pero non queremos que as clases se enfoquen unicamente cara a preparación das probas. Consideramos que é máis importante aprender realmente o idioma para logo superar os exames con éxito. Por iso, para completar o curso xeral, ofrecémosvos vir ao centro dúas horas á semana para a preparación exclusiva a exames, previo aviso ao profesorado. Esas horas adicionais son totalmente gratuítas.
Existen grupos de todos os niveis de A1 a C2 en horario de mañá e de tarde. Para máis información, contacta connosco.
Os exames da EOI son unhas probas esixentes e que requiren dunha rigorosa preparación. Compóñense de tres partes: comprensión escrita, comprensión oral e mais produción, coprodución e mediación escrita. Hai exames desde o nivel A1 ata o nivel B1. É posible presentarse como candidato libre (cunha única convocatoria en xuño) ou como alumno EOI (cunha convocatoria en xuño e, así mesmo, unha posible recuperación en setembro).
Trátase dos únicos exames que dan puntos para as oposicións para o corpo de profesorado de primaria e mais de secundaria en case todas as convocatorias.
Preparamos os alumnos que se presentan como candidatos libres ou como reforzo ás clases ordinarias da EOI.
HSK (abreviatura de Hanyu Shuiping Kaoshi), traducido como a proba de competencia en chinés, é a proba estandarizada de competencia en mandarín estándar para falantes non nativos.
O HSK consta de tres niveis diferentes: Básico (subniveis 1-2), Intermedio (subniveis 3-4) e Avanzado (subniveis 5-6). As probas consisten en tres exercicios (comprensión auditiva, comprensión lectora e expresión escrita); non obstante, os dous primeiros niveis (HSK 1 e HSK 2) non inclúen unha expresión escrita.
Para os niveis 1-2 a cualificación máxima é 200 e a mínima para aprobar é 120.
Para os niveis 3-6 a cualificación máxima é 300 e a mínima para aprobar é 180.
YCT (abreviatura de Youth Chinese Test) é un exame internacional estandarizado de suficiencia no idioma chinés para nenos e mozos de 6 a 16 anos.
O YCT consta de catro niveis distintos, de YCT1 ata o YCT4, e consiste nunha proba escrita e nunha oral, que son independentes entre si.
Para os niveis 1-3 a cualificación máxima é 200 e a mínima para aprobar é 120.
Para o nivel 4 a cualificación máxima é 300 e a mínima para aprobar é 180.
O exame HSKK é a versión oral do exame HSK. É un exame de suficiencia de chinés mandarín falado que mide a habilidade comunicativa oral dos falantes non nativos de chinés. Ten tres niveis: básico, intermedio e avanzado.
A cualificación máxima é 100 e a mínima para aprobar é 60.
BCT (abreviatura de Business Chinese Test) é un exame de suficiencia de chinés mandarín que mide a habilidade comunicativa de falantes non nativos de chinés en situacións de negocios. Ten unha versión escrita que consta de dous niveis (A e B) e unha versión oral. O exame ofrece primordialmente practicidade e comunicatividade.
A cualificación máxima é 300, o nivel de lingua correspondente avalíase segundo as notas obtidas.